Presentación do Banco do Tempo de Vigo

jueves, 29 de abril de 2010

O día 27 de abril, Santos Héctor, Concelleiro de Participación Cidadá, realizou a presentación da actividade do Banco do Tempo do Concello de Vigo perante a prensa e a cidadanía. Diversos medios de comunicación, como O Xornal, Vigo Magazine Digital, Vigo.org ou ABC na súa versión dixital fixéronse eco desta presentación, sinalando aspectos como o carácter totalmente gratuíto da iniciativa, o fomento da interacción veciñal (e consecuente reforzo do tecido social) ou o  aproveitamento dos recursos e potencialidades da cidade.
Como Santos Héctor sinalou, a actividade do Banco do Tempo do Concello de Vigo está a ser desenvolvida polos Centros Cívicos de Saiáns, Coruxo, Teis e o Casco Vello, de xeito que cada cidadán pode utilizar o que xeográficamente máis lle conveña, un xeito este de descentralizar a actividade achegándoa aos veciños. Un programa informático está a disposición dos socios deste Banco para realizar case todas as xestións dende o seu propio domicilio, aínda que para todas aquelas persoas que o prefiran, o persoal dos Centros Cívicos será quen xestione e leve a cabo os trámites necesarios para o funcionamento da actividade.